Monday 29 de April de 2024

Alternativa presentará unha moción para solicitar axilizar a instalación de banda ancha nas zonas rurais no municipio.


Alternativa dos Veciños presentará unha moción ao pleno ordinario de outubro, para solicitarlle ao Goberno Municipal que negocie coas operadoras beneficiarias das axudas do estado para instalar banda ancha nas zonas rurais e de menor densidade de poboación, para así coordinar e axilizar a instalación no municipio.

“A maioría dos núcleos rurais do municipio de Arteixo seguen, no ano 2023, sen dispoñer de conexión a internet de alta velocidade. O estado concedeu axudas ás operadoras (no municipio de Arteixo a Telefónica e R principalmente) para que leven a cabo a instalación de banda ancha ultrarrápida nas zonas máis rurais e de menor densidade de poboación. Pero, as operadoras beneficiarias realizan os traballos de instalación a contagotas” apunta Noelia Martínez, Voceira do Grupo Municipal de Alternativa dos Veciños.

“O goberno Municipal debe negociar coas operadoras para axilizar a instalación de banda ancha no municipio de Arteixo. Podemos ver como noutros municipios da comarca as operadoras realizan estas instalacións con moita máis axilidade. Mesmo, nalgún municipio da comarca xa case todos os veciños teñen acceso a internet de alta velocidade. Tamén, o concello debería participar e axudar na coordinación destes traballos, xa que algunhas veces sucede que toda unha zona queda sen este servizo só polo simple feito de que un veciño non permite o paso” expón Noelia.

“A algúns se lles enche a boca nas campañas electorais falando do rural, pero logo están no goberno durante anos e esquécense por completo do mesmo. O futuro do rural pasa por dotalo dos servizos básicos e imprescindibles para que os seus habitantes non teñan impedimentos e poidan desenvolver a súa vida con normalidade.” matiza a Voceira de Alternativa.